jueves, 11 de marzo de 2010

Nivel estratosférico

De nivel estratosférico pódese cualificar o que vimos na representación dos Xemelgos de Plauto a cargo do grupo Parrocha, dos IES Elviña e Sardiñeira da Coruña, no Festival de Teatro Grecolatino de Lugo. Este grupo herdeiro do mítico Sardiña está a un nivel moito máis alá do que se entende normalmente por "teatro escolar". Conta con veteranos dunha notabilísima categoría e con futuras promesas (ou máis ben realidades) como Gabriel, alumno de 1º da ESO que defendeu o papel de Mesenio cun saber facer impropio da súa curta idade (perfectamente recoñecible na foto). As horas de traballo non enganan, e aquí hai moitas detrás e levadas con moi bo criterio, só hai que ver os resultados. Temos que agradecer a Jesús Ricardo Martín e aos rapaces que dirixe un rato memorable de risas e diversión tan incontida. Teño que confesar que rin todo o intre, especialmente con algún gag dedicado aos máis carrozas do auditorio; como cando chamaron a Mesenio-Gabriel "Joselito", que, imos, tal cal o neno cantor, jajaja.

Eu a nivel persoal gocei moitísimo co que vía na escena, pero tamén co que vía nas dúas ringleiras e media de asentos que a perfecta organización nos adxudicara. A verdade é que nos estabamos partindo de risa todos e foi moi bonito ver que mozos e adultos podemos divertirnos co mesmo espectáculo, onde a ordinariez e a vulgaridade habituais nos espectáculos televisivos brillaban pola súa ausencia. E por suposto, como profe de Clásicas, que o motivo desa diversión fose unha obra escrita hai máis de dous mil anos, e que se mostraba fresca como unha rosa na soberbia execución dos actores e a axeitada actualización dos gags humorísiticos.

Foi un pracer atopar a tantos compañeiros e compañeiras da facultade en tan boa forma, todos alí cos seus alumnos, tan entusiastas coma sempre. E iso que a administración educativa non nolo pon nada fácil nos últimos tempos. Porque, eu dicíalle aos meus alumnos de 2º BAC (5, para a vosa información): ¿sodes conscientes de que con só un de vós que non se matriculara este ano, xa non poderíamos traballar xuntos durante este tempo, e por exemplo non viríades hoxe aquí?
Non quero abundar en cousas que a nosa querida presidenta da SEEC de Galicia, Cecilia Criado, explicou perfectamente na prensa recentemente. Non é lóxico privar a un profesional ben formado e con sobrada experiencia da posibilidade de exercer o traballo que veu desenvolvendo por frías e absurdas razóns numéricas. Hoxe en día é normal ter poucos alumnos nos cursos superiores en razón da baixa natalidade e a forte optatividade. Imos ter que tremer todos os anos antes de saber se podemos ou non dar os cursos que viñemos dando sempre?

Non quero estenderme máis, pero non deixarei de facer un último comentario. Vai referido a como perdemos as formas neste querido país que habitamos. Só darei un dato: despois dunha xornada que todo o mundo recoñeceu inesquecible, só dúas alumnas, unha moldava e unha ucraína, achegáronse a min para verbalizar ese agradecemento: curioso, ¿non? Non quero dicir nin moito menos que os demais non estivesen agradecidos, pero faltan as formas. As formas contan, señores, e os que dedicamos bastante tempo a organizar actividades e desenvolver proxectos educativos sabémolo moi ben, xustamente porque non estaría de máis ouvir de cando en vez unhas palabras recoñecendo o esforzo que fixeches desinteresadamente polos demais. E basta, intelligenti pauca, dicían os romanos (a bo entendedor...).

3 comentarios:

Daniel Lagoa Martínez dijo...

Coincido contigo, Fernado en que o nivel do teatro é sorprendemente alto: en calidade e tamén en participación...Felicitemos, como ben dis, aos profesores responsables que sen dúbida invertiron moitas horas de traballo para chegar a estes resultados. Felicitemos aos organizadores que nos siguen regalando esta magnífica ocasión de participar cos nosos alumnos nunha actividade que, polo menos no meu caso, teño dicir que sempre resultou entretida e gratificante (para min e para os alumnos). E felicitémonos tamén a nós por contribuir na nosa modesta parte acompañando aos alumnos. Saudiños.

domenechino dijo...

Eu quería comentar algunha cousa máis e xa que me dás ti pé Daniel, fagoo aquí.
Foron moitas as leccións doutro día, e eu xa aproveitei para reflexionar cos alumn@s.
A representación foi unha proba de amor polo traballo ben feito, valor caído a niveis subterráneos nos tempos que corren. A organización foi proba do mesmo (por certo, cando felicitei á unha das azafatas, ficou encantada pois polo visto ninguén o fixera...). E despois nós mesmos: na función do xoves pola tarde estaban prácticamente todos os grupos díante da entrada media hora antes do comezo, cousa lóxica por outra banda, pois non se vai pretender meter de golpe 500 persoas 5 minutos antes do inicio da representación.
Foron todas éstas mostras de bo facer a alumn@s que precisan de bos exemplos; porque supoño que non será todo criticalos, non? haberá que predicar co exemplo, digo eu.

Húmeda dijo...

Profe, que a min gustoume moito a obra e agradezoche que nos levaras ainda que non cho dixera o outro dia, pasei un bo anaco rindome .
grzas:)