viernes, 12 de marzo de 2010

Visita á exposición "Arqueoloxía 1990-2005"

Seguindo o relato da nosa xornada lucense, aínda que en orde cronolóxica inversa, falarei da visita á exposición Arqueoloxía 1990-2005, recén inaugurada no Museo Provincial de Lugo. Tivemos o privilexio de ser guiados polo arqueólogo Enrique Alcorta, que ten participado nas principais excavacións de Lugo nos últimos vinte anos, e é un dos mellores conocedores da muralla romana.

Plantexóunos a visita dun modo moi didáctico, moi clásico diría eu, pois ao modo socrático ía achegándose aos diversos puntos de interese por medio de preguntas que facía aos rapaces. Deste xeito quedóunos a todos moi claro que detrás dun obxecto arqueolóxico, hai un anaco de vida que o arqueólogo tense que plantexar e que non en todas as ocasións é capaz de resolver. Non fixo falla molta imaxinación para nos trasladar a un Lugo rodeado de bosques, cheos de osos e xabaríns, onde se comía porco celta, bastante distinto do noso actual, e onde os nosos antergos adoptaron rapidamente o estilo de vida da civilización dos invasores romanos.

E eu, como non son daqueles dos que falei no post anterior, quero agradecer aquí publicamente a Enrique a estupenda visita que nos ofreceu e á nosa compañeira Dolores Dopico a posibilidade de facilitárnola.