lunes, 16 de noviembre de 2009

As palabras e a historia (1): "Estar entre Escila e Caribdis".

Iniciamos unha serie de posts, onde colaborarán os alumnos de latín de 4º ESO, tratando unha apaixoante cuestión: a presenza da Historia e a Mitoloxía clásicas en expresións de uso corrente en galego e castelán, e moitas veces nas linguas extranxeiras que estudian, inglés e francés. Comezo eu, logo, falando dunha expresión que xa foi comentada na clase: "estar entre Escila e Caribdis".


Escila e Caribdis foron os nomes que deu a Mitoloxía clásica a unha roca e un remuiño, situados entre Italia e Sicilia no Estreito de Mesina. No escollo, próximo á península, existía unha caverna habitada por Escila, monstro de doce garras, seis pescozos e igual número de horribles cabezas, cuxas bocas estaban provistas de tres fileiras de dentes. O remuiño oposto servía de vivenda a Caribdis, cuxa única misión era engulir tres veces ao día as augas do mar e outras tantas devolvelas. Esta expresión figurada, que explica a situación do que non pode evitar un perigo sen caer noutro, úsase por alusión aos dous temibles obstáculos que dificultaban o paso a través do estreito de Mesina. É na práctica equivalente á expresión "estar entre a espada e a parede" (que non o "entre a espalda e a parede" sic do ínclito expresidente do Compostela Xosé Mª Caneda).


A expresión é tamén usada na lingua inglesa co mesmo sentido "to be between Scylla and Caribdis", e en francés "aller de Charibde en Scylla".


Como conclusión, e para convencimento dalgúns que non se acaban de crer que todas estas cousas das que falamos nas clases teñen vixencia real e absolutamente contemporánea, inclúo como imaxe o cartaz dunha exposición de artistas noveis celebrada o pasado verán en Trujillo, e coa temática común da recreación destes monstros mitolóxicos.

2 comentarios:

Cotelito11 dijo...

moi ben feito o teu post profe :)
caesme moi ben jaja !

:D

Álvaro P. Vilariño dijo...

Que gran idea Fernando, e un título do máis suxerente!
Citando ademais ao gran Caneda, que tamén fixo famosas expresións como "nadamos en la ambulancia" ou "pataca minuta"...!